Sunday 05 de May de 2024

Abegondo tramita a incorporación dun coche eléctrico para a prestación de servizos sociais


• O Concello solicitou o financiamento á Xunta de Galicia

• O vehículo facilitará actuacións cos colectivos de maiores, dependentes e persoas con diversidade funcional

O Concello de Abegondo prevé incorporar un novo vehículo eléctrico ao seu parque móbil. Nesta ocasión trátase dun coche que irá destinado á prestación de servizos sociais aos colectivos de maiores, persoas dependentes e persoas con diversidade funcional.

O goberno local realizou a solicitude de financiamento á Xunta de Galicia, dentro dos fondos Nest Generation cos que conta para este ano. Segundo as conversacións mantidas coa Consellería de Política Social, espérase que a petición sexa atendida.

Será un coche 100% eléctrico valorado en 39.000 euros. O departamento municipal de Servizos Sociais dispoñerá do vehículo para realizar atencións sociais e de inserción sociolaboral e para programa municipais como a terapia ocupacional a domicilio, o acompañamento ás persoas maiores ou o próximo Club Actívache que se implantará nos Loureiros.

Este coche eléctrico unirase á furgoneta eléctrica incorporada o pasado maio, para a área de Medio Ambiente, ou ao turismo para vixilancia ambiental e ao coche híbrido para a Policía Local xa adquiridos anteriormente. Será por tanto o cuarto vehículo municipal con tecnoloxía eficiente.